Dirección:Ana Santorun
Comisariado:Ángel Cerviño
Deseño:Novagarda
Fotografía:Aitana Tubío
Textos:Claudio Pato, Ángel Cerviño, Berio Molina
Os reverberos son estruturas metálicas cubertas por chapas de ferro oxidadas. Están suxeitas só pola súa parte superior e colgadas das barras que compoñen a estrutura, de forma que quedan suspendidas unhas enriba das outras coma se fosen as escamas dun peixe. Ao sometelas a determinados sons vibran ao rozarse unhas coas outras, producindo ruído polo fenómeno da resonancia acústica. O son que as fai moverse é do exterior da torre onde o vento ten unha forte presenza. Cada reverbero vibra nunha frecuencia diferente e baixo unha intensidade maior ou menor.
Os reverberos funcionan como cápsulas que reteñen ao vento no seu interior, ou coma pequenos faros acústicos que reverberan dentro do faro. Son tres, cada un deles situado nunha das plantas da Torre de Hércules.
O reverbero da primeira planta ten forma piramidal con base pentagonal, con cinco chapas que cobren cada unha das súas caras.
O da segunda é un módulo de base cadrada pensado para que se puidese apilar, con catro chapas por cada cara.
E o último é de base circular e teito abovedado, con preto de cen chapas moito máis pequenas.
A paisaxe sonora da Torre atópase delimitada por dous grandes muros acústicos. Un deles esténdese polas beiras este e sur e está formado por un murmurio continuo que provén da cidade, sobre todo dos automóviles que circulan pola circunvalación do paseo. O outro esténdese polas beiras oeste e norte e está formado por un ruído branco omnipresente que provén da axitación do mar. Estes dous muros aprécianse moi ben ao acceder á Torre polo camiño que vén do aparcamento. Se imos subindo por el e nos desviamos cara a nosa esquerda escoitaremos con forza a cidade, e se o facemos cara a dereita será o mar o que colla máis presenza. Só hai un lugar que parece refuxiarse destas dúas grandes masas sonoras, un pequeno campo situado un pouco ao sur da escultura Hidra de Lerna, aproximadamente nas coordenadas 43.385203, -8.405291, e que queda protexido da beira sur pola elevación dunhas rochas, da beira norte pola altura do camiño e da beira oeste pola propia torre. É aí onde se poden escoitar máis claramente os demáis sons que constrúen a paisaxe: as gaivotas (que se agrupan nas ruínas do cárcere), e outros paxaros como as pegas e os pardais, sen contar cos ruídos propios do tursimo: gaitas e persoas falando e berrando. O resto da paisaxe queda totalmente exposta a estas dúas grandes fontes sonoras, menos cando intervén un familiar axente xeolóxico da xente que vive na Coruña: o vento.
O vento entra pola costa e fai xirar nun remuíño aos muros acústicos do mar e da cidade, facendo que as ondas se misturen e que todo o son quede baixo o seu manto de ruído. A súa forza revolve as ondas do campo sonoro do entorno da torre, coma se unha culler se puxese a remexer o mel do leite. O son que estaba flotando no aire queda disolto no ruído do vento. É nese momento cando todos os obxectos, naturais ou non, que conforman o entorno da Torre se poñen a vibrar: as follas das poucas árbores e arbustos, entre os que se atopan os aligustres, cos que de pequenos xogabamos a soprar nas súas follas para que soasen coma se fosen xipros; os filtros que cobren os focos que iluminan á torre; as herbas ao rozarse entre si; os propios oídos de quen se expón ao seu fluxo...
O vento posúe á torre e ao seu entorno e faina vibrar ao seu antollo, converténdoa no seu propio corpo.
Os reverberos funcionan así coa pequenas cápsulas con forma de faro que encerran á paisaxe ventada do exterior da Torre no seu interior. Coma un xogo fractal de paisaxes que van encerrando dentro á súa propia paisaxe.